Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

A MALLA

Posted by pepe penas o Xaneiro 20, 2013

Pechei os ollos e imaxinei a eira de Candido chea de mozos e mozas, tamén vin algún querematedamalla outro vello; os mozos espelían a palla que saía da malladora e as mozas apañaban os grans de trigo. Os vellos lembraban os tempos nos que eles mallaban o trigo cuns aparellos de madeira feitos con un pau moi longo, e outro mais gordo e mais curto, cinguidos por un anel de coiro que se coñecían polo nombre de mallos. Miraban uns para os outros e dibuxaban nas súas cabeciñas o traballo tan forte que tiveran que facer; o mesmo tempo sentían ledicia vendo como agora os seus fillos e netos facían o mesmo traballo sen baldar tanto o corpo. Eu tiña os ollos abertos coma pratos; agarrado pola man do meu pai, Ramón de Candido o fillo; él era quen gobernaba o motor e maila máquina de mallar, un vello Lister ( o nome dun Xeneral republicano) e unha Ajuria que zoaba mais ca un avión dos de agora. Cando ia comezar a malla nunha casa, o maquinista prendía o motor e facía zoar a máquina para que a xente soubera que xa era a hora. Na cima do palleiro, o meu amigo Manuel de Pilara, ia sobando a palla con moita arte para facer un palleiro ben feito. Manuel sempre se metía conmigo dicindo que atopara unha chea de niños de case todolos paxaros que voaban polos ceos de Dorvisou; algúns disque ainda estaban a facelo, outros tiñan ovos e outros tiñan tres ou catro pegos; diciame que tivera moito tino e que non collera os paxariños, pois na cabeza tiñan uns peliños brancos que polo visto era tiña; se tocaba coas mans na cabeza caiame o pelo todiño. Manuel diciame esas cousas porque sabía que me gustaba gabarme dos que eu atopaba; como sabía que me facía rabiar coma un can, en canto me miraba xa me dicía: Pepe, atopei un niño dun…
As veces Manuel non estaba no palleiro, andaba a xuntar a palla; daquela algunha que outra vez, eu subiame a meda para botarlle ao maquinista os mollos; desde aló enriba miraba moi ben a todala xente que andaba arredor da máquina. A algúns, dos que me facían rabiar, de cando en vez caialle un mollo na cabeza; a Manuel caeronlle algúns. Cando remataba a malla, os gaiteiros tocaban unhas pezas e mozos e mozas botaban unhas bailas…
Coido que o que vos contei, como dí un mago chamado Anthony Blake, foi todo froito da miña imaxinación; non lle deades mais voltas, non ten ningunha traza…

2 Respostas to “A MALLA”

  1. Ramon said

    Pepe tatos recordos valian para facer unha novela un abrazo

  2. Marcial Alonso Brocos said

    Sorprendinme ó ver a foto do meu tío Manuel, non estaba seguro se era el, pero o comentario certificouno, Manuel de pilara. Gracias.

Deixar un comentario