Posted by pepe penas on Outubro 22, 2007
| PICA NAS FOTOS SE AS QUERES OLLAR MEIRANDES |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
Hoxe vai de paxaros; de neno paxaros eran todalas cousas que tiñan plumas, tiñan ás, e voaban . Sabialle o nome dalgúns, pero era moito mais doado dicir paxaros porque dese xeito todolos cristianos sabian de que falabas. O paxaro branco faime lembrar das garzas que teño ollado no rio Ulla, cando estiven en Ollares; eran meirandes ca da foto e non eran brancas. O que vedes na foto, e sempre o mesmo paxaro, coido que se chama garceta branca, como podes imaxinar anda a pillar peixes con ese peteiro tan longo que lle sae da cachola. Cando hai marea devalada camiña pola beira da auga e peixe que mira, peixe que pilla, e peixe que come. Tenlle moito medo a xente; se te albisca vota a voar e ponse onde coida que ti non lle chegas; despois volve o seu traballo que o de pillar peixes e comelos.
As duas ultimas fotos son doutro gran pescador, chamanlle cormorán; este paxaro e un bo mergullador, metese por debaixo da auga e non espera a que veñan os peixes, vai a buscalos onde están. Moitas veces vense voando a rente da auga, van tan preto dela que mesmo semella que se vai mollar; cando ve peixes, pousase coma se fora un avión e mergullase coma se fora un submarino. Despois de rematar a xornada de pesca tense que enxugar; a este paxaro pasalle coma min cando imos de pesca: mollamonos os dous; eu non teño traxe de augas…él non ten plumas impermeables.
———————-
Atopei unha Web que lle pon son os posts qe escribimos. Ten o nome de Sonowebs e fixo un plugin, ainda está en fase Beta, que fai que todolos los post que escribimos poidan ser ouvidos. E unha magoa que WordPress.com non deixe subir plugins. De todos los xeitos hai unha opcion que deixa facer un arquivo de audio. Para probalo somentes tes que poñer unha ligazón e xa o podes escoitar.
Se queres ouvir este post pica aqui
Posted in Cousas da terra | 8 Comentarios »
Posted by pepe penas on Setembro 30, 2007

Conta
Frei Martin Sarmiento (1695-1772 ) que de neno Vivía na Boa Vila, Pontevedra, nunha casa da Rúa da Palma; como despois foi vivir a Mourente no pazo de Santa Margarida, e de como xogaba cos seus amigos debaixo do carballo que había diante da ermida; moitos anos mais tarde volve falar do carballo nunha copla, di del que o meirande do Reino. Daquela a Nosa Terra era coñecida co nome de Reino de Galiza.
Houbo outros persoeiros galegos que falaron deste carballo; entre eles: Manuel Murguia, Filgueira Valverde, e Carlos Dacal que lle dedicou o libro
O Carballo de Santa Margarida. Recolle nas suas páxinas que, segundo a crenza das xentes, as promesas feitas debaixo del xamais se rompen.
Pescudando pola Rede fun bater coa
Bbiblioteca Virtual Cervantes; xa dentro dela atopei unha publicación con nome de
Ilustración Española y Americana que fala de como o tal carballo foi arrincado por un furacán que houbo en Pontevedra o 15 de Nadal de 1886; tamén atopei, na devandita publicación, un dibuxo feito por Manuel Ramos Artal.

PICA NAS LIGAZONS AQUI DEBAIXO
| Publicación de 1886 |
Furacán en Pontevedra 1886 |
Carballo Sta.Margarida |
|
|
 |
 |
Posted in Cousas da terra | 4 Comentarios »
Posted by pepe penas on Maio 7, 2007
|
|
O meu amigo Xavier emprestoume un monte de revistas dos anos trinta e corenta; no medio de todas chamoume a atención este cartel dunha compañía alemana:
Hamburg Sudamerikanische, no que se poñían as saidas dende Vigo para Rio de Xaneiro, Santos, Montevideo e Bos Aires; nel aparecen as datas, os barcos, e o custo da pasaxe. Polo outro lado do papel veñen unha serie de cousas que había que ter en conta no intre de tomar a decisión de ir para outro pais.
Entre os anos 1882 e 1935 arredor de tres millóns de españois deixaron a sua terra para probar sorte no outro lado do mar; esta xentiña que se botou polo mundo adiante foi, maiormente de Galiza e Asturias; ainda que tamén houbo de Cataluña, Castilla, Pais Vasco e Illas Canarias. O ano 1930 non foi certamente un bo ano; dempois do
crac da Bolsa de Nova Iorque, comezou a depresión en todo o mundo. A situación en España viña de dar unha reviravolta, en abril do 1931
proclamase a II Republica, nese mesmo ano
mandaba en Arxentina Jose Felix Uriburu que dou orixe a un cambio politico.
En Uruguay mandaba Gabriel Terra. Nesas mesma datas
en Brasil mandaba Getulio Vargas.
Picando nestas ligazóns poderanse ollar as fotos destes barcos; quizais algún deles puido ser a casa onde estivo algún parente teu namentras non chegou ao seu destino. Todos marchaban co desexo de regresar algún día…algúns puideron facelo…outros volveron nos xenes dos seus descendentes.
Pica nas fotos se as queres ver a maior tamaño
Posted in Cousas da terra | 6 Comentarios »
Posted by pepe penas on Marzo 5, 2007

¿Lembraste deste diploma?…ben seguro que si, como non te vas lembrar das cousas que facía o teu pai cando era mais novo; de todolos xeitos ainda que non sexa oficial, hai que dicir que foi feito con todo o agarimo do mundo; a túa nai e mas eu sabiamos que despois deste poderían vir moitos mais. Sabemolo traballo e sacrificios que pasaches para chegar ata onde estás. Tes que saber que todos estamos moi orgullosos por todo o que levas feito. Estás do outro lado da poza, pero iso non ten importacia; se Dios nos da saúde xa che faremos visitas a miudo; eu agora teño todo tempo do mundo, e ata case desexos de aprender a falar inglés ainda que sexa con acento de Texas. ¿Sabias que hoxe cumpres anos?..saber, sabelo, o que poida que non sepas e cantos; polo menos e o que dis cando alguén che pregunta, nos sabemos cantos son, pero non cho imos dicir para que fagas algo de cuentas; os médicos tamén teñen que aprender matemáticas. Dende a Capital das Rias Baixas, desexamosche que teñas un moi bo dia, e que te atopes en Houston coma se estiveras na túa casa; no
M.D Anderson (botalle un ollo ao remate desta lista) contan contigo, e ben seguro que te tratan como mereces.
Moitos bicos da tua avoa Elvira e mais nosos
Posted in Cousas da terra | Non hai comentarios »
Posted by pepe penas on Marzo 5, 2006

Fai algúns anos, poñamos ..taitantos, as sete da mañán dun
martes 5 de marzo do ano 19..taitantos, naceu unha nena que pesou 3,430 Kg.; ainda que ela nono sabía traia o nome posto; os seus pais xa sabian facía moito tempo como se chamaba, falaran entre eles unha morea de veces e tiñan o desexo de que fora coñecida no mundo coma Marta; non levaba ningún número; os fillos dos reis levan un número: a uns chamanlle Primeiro, a otros Segundo, a outros Terceiro..coido que quizais sexa para saber cantos teñen, ou quizais para que os nenos que veñan despois saiban que houbo antes ca eles outros que ademais de ter un nome tiñan un número. Sexa como sexa a nosa Marta non quedou sen o número..como naceu a primeira, polo menos para os seus pais sempre ha de ser Marta I; do que non me lembro e que trouxeras un anaco de pan debaixo do brazo, de pequerrecho sempre sentín dicir que os nenos cando nacían viñan con él; coido que non sempre era certo, de seguro que había nenos que nono traían..senón, ¿porque pedían para os nenos pobres.?. ¿lembraste cando ias co teu irmán e maila túa nai de excursión ata a Coca-Cola,en Poio; era o único xeito de que comerades a merenda. Tua nai, teu pai. teu irmán, túa avoa..todolos que se lembran de ti e querenche, desexan que teñas un día de moita felicidade na compaña de Ramón. ¡From Pontevedra to Houston with Love!
Posted in Cousas da terra | 8 Comentarios »
Posted by pepe penas on Febreiro 10, 2006
Ano 1500?..2000?..3000?..4000? a.c.; non hai televisión, non hai xornais…pero xa hai morte. Alguén que morreu en algures foi soterrado nesta mamoa, quizais os veciños coñeceran cal era o seu nome, quizais algún deles dixera algunhas verbas na súa honra; quizais moitas mulleres, vellos, mozos e nenos tiveran as suas fazulas molladas polas bagoas que escorregaban dende os ollos; cando rematou todo alí non quedou ninguén, cadaquen marchou para súa casa..alguén virou a cabeza e dixo con mágoa:¡que sos quedan os mortos.!
Cambiaron os tempos, pasaron días, anos, siglos, choveu, escampou…e nese escampo alguén quixo facer unha estrada;
atoparon unhas pedras no medio da terra, cunhas maquinas de ferro bouraron nelas ata esnaquizalas…alguén lembrouse do sós que quedan os mortos e tentou poñerlle remedio a desfeita; quizais se lembrara dos que espertaron do sono eterno e quixo facerlle un agarimo. Con moito traballo e tempo perdido acadaron volver a poñer en pé a casa onde repousaban algúns dos nosos devanceiros.
Ollamos un plano que di onde está a mamoa que foi salvada das uñas da maquina do demo; seguindo as indicacións chegamos o sitio onde se atopa a casa dos mortos…xa non o

mesmo coma
cando comezaron as obras, nin e do xeito que a lembran
nesta Web; agora vese coma mostran estas fotos.. as xesta comezan a nacer polo medio das pedras, tanto han medrar que chegará un día en que nonos deixen ver o tesouro que lle tiñamos gañado o esquecemento…un día alguén ollará ese mapa, sentirá desexos de achegarse a casa que foi doutras xentes, e nona atopara; tampouco se decatará de que as xestas botarán unhas risas e atá coidarán que os humáns son moi deixados..os mortos siguen a estar sós coma sempre; se alguén non se decata a tempo de que a soidade non e boa compañeira, rematarán chegando toxos, mais xestas, fieitos, botaran lixo por riba..e quen sabe se alguén tentara facer outra estrada… virá outro demo de ferro e esnaquizará as pedras de tal xeito que semellará que alí endexamais houbo ningunha cousa…daquela somentes teremos forza para dicir, cos ollos cheos de bagoas: ¡que sós quedan os mortos…!
Posted in Cousas da terra | 5 Comentarios »
Posted by pepe penas on Novembro 21, 2005
Un día comezou a chover, as pingueiras caían do ceu e ianse xuntando nas pozas; non se coñecían, viñan de moitos mares , falaban unha morea de linguas; nembargantes todas elas coñecían o que tiñan que facer..tiñan que andar…andar e andar ata atopar un río que volvera a leva-las o mar; a súa vida era sempre a mesma: do mar o ceo, do ceo a terra, da terra o rio, do rio o mar, e do mar outra vez o ceo. Pasaron por prados, meteronse no medio dos toxos, andiveron polas corredoiras, onde noutros tempos tamén había carros, pasaron a carón de muiños que moeron o trigo e mailo millo, chegaron o regueiro de San Tomé da Insua, e alí decataronse que estaban preto do
rio Ulla; o que descoñecían e que ian a sair a onde ian a ter pouca liberdade, amais de ter que comprala gastando a súa enerxía…
Posted in Cousas da terra | 2 Comentarios »
Posted by pepe penas on Setembro 12, 2005
Hai un ruxe ruxe de que iste ano a colleita de uvas vai ser tan boa coma a do pasado ano; as novas espallanse coma o lume, na Feira Franca de Pontevedra ollaronse tendeiros doutros tempos que viñeron coa idea de amosarnos, e se cadraba, de vendernos os aparellos que tiñan para gardar o viño. Algúns deles disque andiveron polas viñas de Facó, en Dorvisou, nos tempos en que alí houbo uvas .
Posted in Cousas da terra | 2 Comentarios »
Posted by pepe penas on Setembro 11, 2005
Tantas..tantas..tantas uvas colleu, que o viño que fixo non lle coupo no bocoi…tivo que beber algún e saiulle esta cantiga da Nosa Terra….dende aquela sempre hai alguén que a canta cando compre beber viño xa que auga non hai.
Eche un andar miudiño
miudiño miudiño
miudiño miudiño
o que eu traio.
Que eu traio unha borracheira
de viño, que auga non bebo
Mira, Mira Maruxiña
mira, como eu veño
Que eu traio una borracheira
de viño que auga non bebo
Mira, mira Maruxiña
mira, mira como eu veño.
Eche un andar miudiño…
Posted in Cousas da terra | 2 Comentarios »
Posted by pepe penas on Agosto 11, 2005

Xa fai bastantes anos houbo na TV unha campaña que falaba dos incendios forestais:
" Cuando el monte se quema, algo tuyo se quema" ; eso diciase namentras algo noso ardía…mesmo parecía que o que facía arder o que era noso era xordo de nacemento; houbo quen lle botou a culpa a un tal LUME, alguén despois de moito pescudar decatouse de que o tal LUME era o culpable, él queimaba o monte…non había dubida..cando algo ardía o cabrón do LUME sempre andaba polo medio; moitos veciños que o viron dixeron: foi o LUME..foi o LUME…pola mañán cediño comezou queimando unhos fieitos e mais unhas xestas na Quenlla de Facó, monte de Dorvisou na marxe esquerda do rio Ulla. Algùns veciños chegaron a cavilar que o LUME nunca andaba só;
andiveron a vixialo e polo visto viron a
outros veciños que o levaban no peto, e cando atopaban algo que lle gustaba para queimar, deixabano só e fuxían para quen ninguén soubera que eran os donos. Houbo veciños que denunciaron o tal LUME, pero dempois de apretalos un pouco remataron dicindo que o tal LUME era un mandado, traballaba por conta allea pero sin soldada, somentes traballaba pola comida, a súa comida disque e queimar e queimar ata que non quede unha herba de pé nin un grilo con vida…
Posted in Cousas da terra | 2 Comentarios »