Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Archive for Xaneiro 2005

COUSAS QUE ME DICIAN

Posted by pepe penas o Xaneiro 29, 2005

Cousas que lembro de neno e non me gustaban

Esta non me gustaba porque xa estaba hasta os c….. de sentir sempre o mesmo.

Pepe repepe camisa cagada
foi a Bandeira lamber a pescada
lambeu e lambeu e nunca se encheu
Caeu no borralla e ardeulle a miringalla
Caeu nos tizóns e arderonlle os c…..

Ista non me gustaba porque non era quen de volver a dicila cando me mandaban que a repetira.

Díxolle a perdiz o coello
¿que fas ai bombello?
¿que fas ai perdiz?
díxolle o coello

Ista non me gustaba porque se eu dicia doce….mofabanse de min …. seica só eran catro….estes cabróns agocharonme os outros oito, coidaba eu.

Nun tellado hai catro gatos
cada gato mira a tres
¿cantos gatos ven a haber?

Ista non me gustaba cando ma dicía a miña avoa…pero canto mais ia medrando, funme decatando de que non era cousa mala.

Pepe Penas
amigo das nenas

Posted in Lembranzas dun neno | 4 Comments »

FALTAN DIAS

Posted by pepe penas o Xaneiro 26, 2005

¿ Que pasou en Roma o seis de outono do ano 1582 ?
Pois a verdade e que non pasou nadiña…nadiña..
Veño de ler ahora mesmo, nun suplemento da revista Muy Interesante do ano 1993, unha cousa que me deixou sorprendido  porque  descoñecía o motivo polo que fora un día tan tranquilo.
Por decreto do Papa Gregorio XIII deixouse de usar o calendario juliano, posto por Julio César no ano 46 antes de Cristo; o Papa implantou o calendario gregoriano e polas boas  pasou do día 4 o día 15…fixo desaparecer dez dias da Historia..

¡ Ogalla se poderán facer desaparecer da Historia do Mundo todolos días nos que se fixeron cousas malas…! se abondara con borralas do almanaque..¡que doado era facer un Mundo mellor!.

Posted in Cine na rúa e novas | 5 Comments »

SE EU ME VOLVERA NENO

Posted by pepe penas o Xaneiro 22, 2005

Se eu volvera a ser neno faría unha morea de cousas: primero entraría na escola de Dorvisou con unha máquina de retratar das mellores que hai agora, retrataría un a un todolos persoaxes que  pintou o noso paisano pintor_3.jpgManuel Lorenzo Brocos, o pintor de Dorvisou, iría polas igrexas de Cedelle, en Larazo, e  Arnego donde polo visto tamén hay mostras da súa obra. Iría a Cuba e non deixaría de entrar no Centro Galego da Habana, onde tamén poida que haxa recordos del…non pasaría sen ollar a Igrexa do Vedado, Habana, onde segundo meu paisano de Dorvisou Armíndo Iglesias tamén hay cousas súas; chamaría a porta de todalas casas de Dorvisou, preguntando se tiñan algunha foto feita polo Pintor, tamén era fotógrafo, e faría unha copia …colgado nos carballos que hai diante da escola, poñería un letreiro ben grande que dixera: ainda que ti non viñeches a esta escola, poida que o fixeran os teus fillos, ou os teus netos..ou alguén que ti coñeces…¿porque deixas que caia?…¿non che importa matar os recordos dos teus?…¿non che gustaría que dentro de douscentos anos aparecera un papel que dixera: no ano 19.. Dn.Fulano e Dn. Citrano fixeron unha escola en Dorvisou para que os nenos poideran aprender cousas. A Capilla  tivo mais sorte..hoxe sabese quen a fixo; pasaron  225 anos e ainda está en pé..¿cantos anos de vida lle quedan a escola de Dorvisou?…e daqui a 100 anos ¿saberá algún raparigo dos que veñan quen fixo a escola onde aprenderon a ler os seus devanceiros?.
Se eu volvera a ser neno aproveitando que estaba en Cuba ia a saber cousas doutro paisano, nado en Outeiro na parroquia de San Salvador decaprecorneca.jpg Portodemouros, Luis Otero Pimentel quen amais de ser militar e chegar a Gobernador da provincia de Manzanillo, posto que desempeñaba no ano 1898 cando comezou a Guerra de Cuba, escribeu en moitos diarios da Habana, algunhas cousas en galego e outras en castelán; ia a dicirlle a xente de Duxame que escribeu un libro de poesía co nome de As Campanas de Duxame; ia a preguntarlle a todolos cubanos se alguén lerá ou ollara a Campaña da Caprecorneca onde polo visto na primeira páxina habia un retrato del, ia a preguntar en Manzanillo se ainda soaba o seu nome…Ia a preguntar por todalas casas de Dorvisou polos fillos que marcharon a emigración ou a guerra e nunca mais volveron; ia poñer todo nunha libreta coma as da escola, e cando fora meirande poñería todo nunha páxina en Internet para que os fillos dos fillos, ou os fillos dos fillos dos fillos e mailos primos dos fillos dos fillos dos fillos souberan a historia da súa terra e poideran ter fachenda dela.

Posted in Cousas da terra | Leave a Comment »

EU NOS SON SUPERSTICIOSO PERO…

Posted by pepe penas o Xaneiro 19, 2005

As supersticions están co home dende que este apareceu no mundo
Remexendo nos recordos que gardo dende o pasado século atopei unha revista de  "Selecciones del Reader’s Digest" do mes de abril do ano 1971; nela fálase da cantidade de manías que temos os seres humáns, ainda que algunhas cambearon cos tempos; por exemplo ó número tres durante séculos atribuíanselle poderes místicos: significaba a vida mesma, por haber tres persoas nun nacemento: o gatos.jpgpai, a nai e o fillo; o tres tamén e importante na relixión, somentes abonda con lembrarse do misterio da Santisima Trinidad; os paganos tamén vían o tres no mar, na terra e no ceo. Nos tempos actuais o tres e tido coma un número de mala sorte, polo visto e maldito dende que San Pedro negou a Jesús tres veces. O 13 e sinalado coma o peor de todolos números, nalgúns paises ainda se ten por mais malo cando ó 13 é venres; polo visto o Almirantazgo británico quixo amosar que ese día era coma outro calquera: mandou poñerlle a quilla a un barco nun venres, bautizouno co nome de Friday (venres), botarono un venres, comezou a navegar un venres e o capitán que o mandaba tamén se chamaba Friday (venres)…O barco e toda a xente que ia nel perderonse e xamais se soubo que fora deles….

Eu non son inimigo dos venres nin lle teño medo, nin tampouco unha teima especial…pero coido que hai que ter ollo con eses venres que non queren ser coma eses outros nos que non pasa ningunha cousa mala…

Posted in Cine na rúa e novas | Leave a Comment »

OUTRAS VOCES…

Posted by pepe penas o Xaneiro 15, 2005

carochas.jpg
¡Neno chama polo cán!
¡Avó, avó o cán matou unha galiña!
¡Botadelle de comer a eses porcos antes que rillen o maseiro!
Compre ir por un feixe de toxo…hai que darlle de comer as bestas.
¿Onde vai o neno?..compría que fose a taberna de Vitorio do Couto… case non temos gas para o candil.
¡Xuntade esa carocha!..hai que facer un xergón para o rapaz…agora xa pode durmir nunha cama grande coma as dos homes..¿non si, neno?.
¡Se non lle botades un pouco estrume na corte deses porcos…ainda han de morrer enterrados no esterco!..
Guau, guau, guau….Miau,miau, miau.
Tiña aceso o magnetofono e estaba escoitando o piar dun paxaro que gravara un día na miña aldea…de supeto comezei a oubir todas esas voces que mesmo semellaban estabar a falarme…sentín unha gran ledicia: coñecín a voz do neno,¡¡era eu!!…as outras tamén as fun coñecendo cada vez que as volvía a escoitar…erán as de meus avós….meus tios..meus país…os cans…os gatos….todo me soaba a Dorvisou…

Posted in General | Leave a Comment »

A VIAXE SEN VOLTA

Posted by pepe penas o Xaneiro 6, 2005

galaxia.jpg
Tiven un día de moito traballo, a cabeza a piques de estoupar pola morea de  cousas que ainda estaban sen facer; cando cheguei a casa estarriqueime por riba da cama co propósito de botar un pequeno sono e cando espertara xa me poñería a comer: ainda ben non me deitei cando sentín coma se as pernas non estiveran o meu carón; os brazos, a cabeza, os ollos, e todo o corpo semellaban  querer fuxir de min…quixen ollar que hora era e xa non vin as agullas do reloxo…dixen : xa verei a hora cando me erga; de supeto atopeime no teito do meu cuarto, ollei para baixo e vin que na miña cama estaba alguén deitado..semellabase moito a min, pero non tiven tempo de ver si o era ou non..atravesei o teito, saín polo medio do tellado…eu sabía de onde viña, pero non sabía se en reliadade estaba viaxando ou non ia a ningures. De fronte vin vir alguén que parecía o meu retrato…canto mais nos achegabamos mais aprentaba ser eu…paramonos un  fronte do utro e non foi preciso dicir nada….era eu nunha vida anterior e o mesmo que agora estaba facendo unha viaxe astral, comezamos a falar dos tempos de antes e dos de agora…..de supeto quedamos  calados…viñan miles de persoas igualiños ca nolos dous…non dixemos nada… era eu outra vez noutras miles de vidas que tivera…toda esa xente, ainda que se parecía a min, xa non eran coma o primeiro que atopei…estaba ollando persoas de todolos xeitos: soldados, estudiantes, ladróns, comerciantes…habia de todo, xente boa e xente mala..quixen dar volta e non puiden: aquela tropa  pasou por riba de min, todos ian coa intención de meterse no meu corpo…todos fixeran no seu día unha viaxe astral e non puideron volver..viñeronme as bagoas os ollos..mirei para o meu amigo, e él díxome cun sorriso: deixaos que corran…..cando cheguen o teu corpo non poderán entrar…..e un corpo sen vida…morreu cando ti saiches del….

Posted in Historias | Leave a Comment »

O QUE NON LLE PIDO OS REIS

Posted by pepe penas o Xaneiro 1, 2005

alfonsoxiii.jpgSegundo a revista Nuevo Mundo polo visto S.M. era un experto na arte de patinar; aqui ollámolo na pista xeada da Casa de Campo, Madrid.
A miña historia non se soubo polos xornais, pero non por iso deixa de ser verdadeira.Tendo trece ou catorce anos a unhas amigas dos meus primos trouxeronlle os Reis unhos patíns, elas eran duas e os patins tamén eran dous, como se levaban ben a maneira de compartir o agasallo e de non escarallarse contra o chán era poñer cadanseu. Eu na miña vida puxera semellante trebello nos pés, pero vendo que elas non semellaban estar moi seguras coidei que era a miña oportunidade: ia quedar coma un experto diante dos meus amigos e mais das rapazas; senteime no chán, atei os aparellos arredor dos zapatos ….levanteime como puiden… arrimeime a parede…. e non caín, a cousa ia ben… mesmo semellaba saber o que facía….xa case tiña o traballo feito…só me faltaba andar un pouco enriba das rodas…botei un pé para diante…e o cabrón do pé esquerdo, coido que para levarlle a contra o dereito, dou marcha atrás…o corpo non soubo que facer e como non puido ir detrás de ningún dos pés  deixouse caer enriba do chán ,….quedei coa barriga mirando para o ceo…as pernas unha mirando para o norte e outra case miraba para o sur. As rapazas e os amigos escachaban coa risa, eu tiña gana de chorar e mandalos a todos a merda…boteime tamén a rir, de moi mala gana, ergueronme e axudaronme a quitar os fillos de puta dos patíns… fixen a promesa de non pedir nunca agasallos que tiveran rodas. Cada vez que lle escribo os Reis ando con tino de non pedir cousas que comezen por "p", non vaia a ser o demo que me traian unhos patins e volva a esnafrarme contra o chán.

Posted in Lembranzas dun neno | Leave a Comment »