Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Archive for 18 Maio 2006

SON UN NENO NORMALIZADO

Posted by pepe penas o Maio 18, 2006

galego.jpg
No Diario de Pontevedra do dia 17, dia das Letras Galegas, veño de ler un artigo asinado por Clara Castilla no que se queixa da morea de galegos que tivo que aprender e falar o longo da sua vida; vense queixando do que lle chaman a normalización; fai cerca duns vinte anos que comezou e non hai xeito de que remate; di que lle custaría moitismo traballo imaxinar a sua nai dicindo “grazas” ou “Galiza”. Eu non tiven a sorte de estudiar galego na escola; o pouco que sei aprendino polas corredoiras de Dorvisou, indo coas vacas para o monte, indo a tornala auga os prados e sobando carros de toxo; daquela os nenos das aldeas aprendiamos o galego coa práctica: aprendiamos a dicir toxo cando nos pinchabamos e tiñamos dor, aprendiamos a dicir fouciño cando iamos coa nosa avoa a herba para as vacas, aprendiamos a dicir porco cando ollabamos como un home lle espetaba un coitelo no peito e botaba sangre coma se fora unha fonte; ¡moito traballiño nos levou aprender todas esas verbas !; a nosa desgracia era que cando iamos a escola: a señora mestra tiña a obriga de “normalizarnos”, as cousas que coñeciamos de todolos días habia que chamarlle con outros nomes, polo visto era coma habia que falar, falar o galego era cousa de labregos, de xente pobre, de burros ; se queriamos ser algo na vida tiñamos que aprender a falar o castelán. Con oito ou nove anos fun para Santiago e ali tiven que seguir “normalizandome”, tiven que aprender mais castelán, non era somentes a mestra a que mo facía aprender, tamén era toda a xente que estaba o meu arredor; se me escapaban cousas en galego, de seguida me chamaban paleto. Cando me poñia ledo era o chegar a miña casa, e os meus pais falabanme como eu quería, como cando era mais pequeno, como se falaba en Dorvisou, como se falaba en Ollares, en Cumeiro; en todos eses sitios onde a xente soamente falaba o castelán cando tiña que tratar cos señoritos. Pasaron os anos, fixenme grande e un día quixen facer a proba de escribir en galego, tiven a ocorrencia de mirar nalguns libros e estiven a piques de tolear: o que nuns se poñia dun xeito noutros poñiase doutro; alguén dixome que me deixara de caralladas e que aprendera o galego normalizado..iso e o que que quixen facer, pero custame moito traballo. Polo visto seica coma disque dicia non sei quen: onde dixen digo, digo Diego. Esta é a segunda vez que me teño que “normalizar”, da primeira non me quedou mais collós ca facelo, desta non sei como seŕa o conto… se os normalizadores se entenden entre eles, quizais poida; se non se entenden uns cos outros terei que falar como falaba antes de que me “normalizaran” a primeira vez.

Posted in Lembranzas dun neno | 9 Comments »