Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Archive for 2 Xaneiro 2007

O CINE DAS CRUCES

Posted by pepe penas o Xaneiro 2, 2007

avolarjoven.jpg
Cine Mary, era o nome co que se coñecía o que houbo en Vila de Cruces; estaba na rúa que pasaba polo medio da Casa de Castro e o café de Carballal, a Rúa do Cine; non sei en que ano comezou a funcionar; somentes teño coñecemento que dende o ano 1956 ata o ano 1962 tivo vida, teño carteis de man nos que se anunciaban as peliculas que ian poñer. Os dias de feira, o 4 e mailo 17 de cada mes, domingos e dias santos as Cruces semellabase a aqueles pobos do Oeste Americano que se enchian de vaqueiros e buscadores de ouro; despois dunha semán de traballo duro ian a tomar unhas copas e botar unhas bailas. As Cruces tamén ia a xente dos arredores a divertirse; eles non pasaban os dias buscando ouro, pero pasabano arrincándolle a terra cousas que valían cartos; coma aqueles cowboys tamén podían tomar unhas copas e botar unhas bailas, de cando en vez quitaban as sillas do cine e deixabano feito unha sala para bailar. Daquela había pouca xente con coche, algúns mais con moto, e uns poucos mais con bicicleta; a maioria tiñan que coller o coche de José Benito; tamén había alguén que ia no coche de San Fernando, unha miga a pé e otra miga andando.
Os dias de feira a xente ia as Cruces pola mañán, vendían os ranchos, os cuxos, as galiñas, ou o que tiveran para facer alguns cartos e poder mercar outras cousas que lle facían falta; non deixaban de comer o polbo na casa do Rouco e botar un café na de Suso ou na de Carballal; moita desa xente marchaba para a súa casa, pero mais tarde viñan os mozos e mozas que paseaban pola carretera que viña de Lalin e saia para a Ponte de San Xusto, facía de calle Principal coma no Far West; moitos deles xa traían parella e os que non tentaban de atopala achegándose a algunha rapaza das que lle tiñan o ollo botado. De supeto sentiase un pasodoble, coido que que era Suspiros de España, que soaba con tanta forza coma os que botaban as orquestas polas festas da Piedade; a xente que estaba a pasear daba media volta, coma se estiveran obedecendo a orden dun cabo primeiro deses que che mandaban facer a instrucción no servicio.
Toca o cine….toca o cine, dicía alguén
Tocaba o cine, claro que tocaba….os que viñeran a ver a pelicula non perdía mais tempo a pasear, e coma se fora un desfile militar case marcaban o paso para pode entrar axiña e pillar un bo sitio..

P.D.Se queres ver as peliculas pica na Carteleira do Cine Mary

Posted in Lembranzas dun neno | 9 Comments »