Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Archive for 5 Abril 2007

MARSHALL NON FOI PARA NOS

Posted by pepe penas o Abril 5, 2007

franco.jpg
España limita al Norte con los Montes Pirineos, que la separan de Francia…al Este…al Sur con el mismo Mar y el estrecho de Gibraltar…
Hoxe na escola había que aprender Xeografía; sempre había algún neno que botaba mais tempo cos outros en aprender onde estaba a nosa Patria; entón volvíamos a dicir outra, e outra…vinte, corenta, cincoenta, ou as veces que fora preciso ata que todos abríamola boca o mesmo tempo ou ata que a mestra nos fixera calar porque xa lle estoupaba a cachola de tanto barullo. Dende a banda de riba das catro paredes da escola os persoaxes que pintara Manuel Lorenzo Brocos, o Pintor de Dorvisou, miraban para nos cun sorriso; lembraban outros días nos que falabamos deles: Cristobal Colón polo visto fora un navegante que chegou a España pedindo axuda para atopar un atallo que o levara as Indias; daquela non se sabía moi ven de onde viña, na nosa Enciclopedia coido que dicían que era un navegante xenovés; galego non podía ser a menos que soubera falar o castelán; os Reis Católicos non quería que ninguén falara o Galego. De cando en vez Isabel e Fernando tiñan cara de estar enrabechados cos nenos, miraban para nos, pero semellaban estar serios porque non falabamos sempre o castelán; cando falabamos da nosa aldea diciamos Dorvisou, e polo visto había que dicir Dorvison; cando diciamos que o dia trece de maio había que ir a Duxame levandolle frores a Virxen María que baixara a Cova de Iría,en Portugal, seica non diciamos ben, tiñamos que dicir Dujame.
Hernán Cortés cuns cuantos valentes ganoulle unha guerra a milleiros de indios e conquistou México. Na parede que tiñamos diante dos nosos ollos había un escudo moi grande que tiña a cabeza dun paxaro, mesmo semellaba un miñato; nalgún sitio había unhas letras que dicián: España Una Grande y Libre; iso disque foi dende que houbo o Alzamiento Nacional, na Enciclopedia dicía que fora preciso, porque polas boas non houbo maneira de arranxar nada, e entón houbo que pelexar para que non se arruinara España. Cando saíamos o recreo houbo un tempo que nos daban queixo e mais unha cosa marela, semellaba fariña de millo, habia que desfacelo en auga e ¡disque era leite!…leite…leite era o que me daban na miña casa cando muxian a Marela, e queixo..queixo era o que facían co leite da Marela e non aquelo que non había neno que tivera collós a levalo a boca; tiñamos zocos, andabamos por enriba da bosta e mais da lama, tiñamolo pantalón rachado, non nos gustaba aprender o castelán; pero de queixo e leite sabiamos case tanto coma as vacas. Polo visto era cousa dos americanos; cando rematou a II Guerra Mundial, fixeron o Plan Marsahall que foi unha axuda os europeos que pelexaron contra Hittler; coma ainda habia pouco que tiveramos unha guerra, O Caudillo non quixo ir a pelexar, pero mandou unha morea de soldados para que lle axudaron o alemán; polo visto os americanos non lle gustou nin un chisco e non nos deron nin pataco; mais tarde americanos e rusos comezaron a ter liortas entre eles, daquela foi cando os ianquis se decataron de que o Caudillo fora un heroe botando os roxos de España; as cousas foron mellorando: fixeron sitios para gardar os seus avions…asi o non ter que ir todolos dias a súa terra, co que aforraban na gasolina, comezaron a prestarnos cartos, e a mandar queixo e leite para os nenos…

Posted in Lembranzas dun neno | 10 Comments »