Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Posts Tagged ‘dorvisou’

UN VOTO UN EURO

Posted by pepe penas o Xuño 9, 2009

Polo visto todos querían gañar para ir a Europa. Para o meu ver uns non gañaron e outros tampouco.¿sabedes que pasou?. Pois que todos perdemos…As eleccións teñen que ser mala cousa; pasa coma co traballo: Mira se as duas cousas serán malas que ata pagan por facelas.Estes derradeiros dias xa estaba mais ca cheo de ver a TV e sentir falar a uns e a outros dunha morea de cousas:
-Manoliño foi no avión do cuartel para falar cos seus amigos
-Xan meteuse no trén e non pagou o billete
-Ramiro foi xogar o tute a Dorvisou e levou a bicicleta do Concello
Polo visto todos facían o que lle saia do carallo, e non pasaba a cousa a maiores. Cando eu era neno, en Santiago, iamos colgados na escaleira dos coches de linea e non pagabamos nada; pero se nos collían de seguro que nos daban unhas labazadas.
Candoomeuvoto me fartei de ver a TV ocorreuseme meterme na Internet; hai foi onde me decatei porque falaban tan mal uns dos outros. Canta mais xente aprobe o cursiño que están facendo, mais cartos cobran os da Cooperativa; cantos mais parbos metamos un papel nunha furna de vidro, moito mellor. Europa seguimos sen saber onde está, ninguén nos dixo o que ian facer se gañaban; os da maioria absoluta tampouco. Se queres saber o que gañan as Cooperativas botalle un ollo aquí.
Se che pasa o que a min, poida que se che vaian os desexos de volver a votar. Se escribes un pecado na papeleta, quedas moi satisfeito, pero polo visto e un voto que non sirve, chamanlle “voto nulo”…ainda porriba…¡hai que que foderse!…
Cando eu era neno os mozos dician: o que me dea un pau doulle un peso, e se e de carballo trinta reais. Arestora terian que dicir: non me deas un pau, dame un voto; eu non che doua nada pero a min vanme dar un euro e pico.

Posted in As fotos falan | Etiquetado: , , | 1 Comment »

MEDO O LOBO

Posted by pepe penas o Novembro 29, 2008

algoraro

Ollando esta foto viñeronme o sentido todalas conversas que lle teño oido os meirandes, nas longas noites do inverno, cando falaban arredor da pota de facer o augardente; ou cando comezaban a falar a esgalla o teren o bandullo cheo no tempo da matanza do porco.
Sempre saia alguen dicindo que atopara co lobo acolá arriba no monte, abaixo da estrada das Cruces, onda os carballos de Mato; polo visto era coma un can ben grande, estaba sentado no medio do camiño e arregañando os dentes; o tal que o contaba levaba unha sacha, guindoulle uns cantazos, e paseniño, paseniño foise levantando e desapareceu entre os toxos. Despois saia outro e contaba a sua historia dicindo que levaba unha escopeta, zorregou un tiro o aire; e lobo fuxiu co rabo no medio das pernas.
Outro contaba que untal Calvete, un home que fora miniero en Asturias e quedara por Dorvisou; pasara, preto do regueiro, a noite subido a un carballo; cando se fixo de día decatouse que eran uns toxos que mesmo semellaban ter algo que ver co lobo.
Todos estes contos rebulían na miña cachola cando teño ido algunhas veces, a eso da noitiña, dende Dorvisou ata Duxame. Cada pedra, cada toxo, cada arbore pequerrecha semellaban ser ou ter algo que ver co lambón do lobo. Os pelos poñianseme de punta; o corazón batía de tal xeito que semellaba esgazarme o peito, tremianme as pernas, as mans, as queixadas; tremiame todo o corpo coma se fora un xunco; tanto era o medo que tiña que xa non sabía se ir para diante o volver para atrás. Cando me ia achegando o “lobo” decatabame que somentes era un toxo; daquela metía un trote, coma se fora un cabalo; xa quedaba un chisco contento, pero vaites que acolá un pouco mais adiante apareciame outro “lobo”. Non sei se vos decatades, pero eu si…agora co paso do tempo me cago no toxo, no lobo, e na nai que os pareu..

Posted in Lembranzas dun neno | Etiquetado: , , , , | 7 Comments »

IN MEMORIAM

Posted by pepe penas o Marzo 3, 2005

Xosé era meu tío, era o que lle seguía o meu pai, non cheguei a coñecelo porque a vida para él rematou na xuventude, morreu como morren os idealistas con poucos anos e sen acadar os seus soños; dos primeiros anos de neno non lembro moitas cousas del, o que mais me quedou no sentido, e que cando preguntaba quen era aquel mozo que estaba nos retratos, sempre tiña a misma resposta: morreu na guerra; non sabía moito de que me falaban, peroxosetio.jpg calaba ata que outro día volvía a facer as mesmas preguntas. Cando marchei da aldea e fun medrando comecei a entender unha morea de cousas: o meu pai contabame o que fora a puta guerra, de como eles eran catro irmáns: tres eran dos que chamaban nacionais e outro era dos “roxos”, de como nunca souberon de certo como e onde morrera; somentes houbo unha carta da Cruz Roja Internacional de Suiza na que dicía que morrera en combate en Madrid. Lembrome que na Igrexa de Santomé de Insúa había unha plancha que dicía: Insua a sus Mártires, e de seguido poñía os nomes dos que morreran no frente; sempre me pareceu unha cousa estraña non ver o nome del…agora xa entendo porque non estaba: a Historia escrivena os que gañan, e nesa fodida guerra somentes se falaba dos que morreran pola Patria deles, os outros eran dunha cousa que lle chamaban República…e ademais non eran nin españois…eran os cabróns dos roxos. Foron pasando os anos e nunca esquecín del, coido que tamén morreu pola sua Patria, que era a mesma ca dos outros ainda que os que gañaron non quixeran velo así.
Todolos que coñezan historias parecidas a que eu conto, lembraranse dos seus seres benqueridos que morreron na banda dos que perderon , pero de ningunha maneira terán desexos de volver aos malditos anos da Guerra Civil…nin os que viñeron despois…

PD.Oito anos despois deste post, tiven coñecemento de que finara en Talavera de La Reina,a comezos da Guerra do 36; polo visto fixeronlle enterro e funeral la Igrexa de San Tomé de Insua. Sei que estou a buscar unha agulla nun palleiro, pero teño o desexo de que alguén que lea isto poida dicirme que podería facer e a onde dirixirme para acadar datos do meu tio.

Posted in Lembranzas dun neno | Etiquetado: , , , , , , | Leave a Comment »