Costa dos Arrieiros

Pepe Penas lembra Dorvisou, terra..muiños..

Archive for Novembro 2008

MEDO O LOBO

Posted by pepe penas o Novembro 29, 2008

algoraro

Ollando esta foto viñeronme o sentido todalas conversas que lle teño oido os meirandes, nas longas noites do inverno, cando falaban arredor da pota de facer o augardente; ou cando comezaban a falar a esgalla o teren o bandullo cheo no tempo da matanza do porco.
Sempre saia alguen dicindo que atopara co lobo acolá arriba no monte, abaixo da estrada das Cruces, onda os carballos de Mato; polo visto era coma un can ben grande, estaba sentado no medio do camiño e arregañando os dentes; o tal que o contaba levaba unha sacha, guindoulle uns cantazos, e paseniño, paseniño foise levantando e desapareceu entre os toxos. Despois saia outro e contaba a sua historia dicindo que levaba unha escopeta, zorregou un tiro o aire; e lobo fuxiu co rabo no medio das pernas.
Outro contaba que untal Calvete, un home que fora miniero en Asturias e quedara por Dorvisou; pasara, preto do regueiro, a noite subido a un carballo; cando se fixo de día decatouse que eran uns toxos que mesmo semellaban ter algo que ver co lobo.
Todos estes contos rebulían na miña cachola cando teño ido algunhas veces, a eso da noitiña, dende Dorvisou ata Duxame. Cada pedra, cada toxo, cada arbore pequerrecha semellaban ser ou ter algo que ver co lambón do lobo. Os pelos poñianseme de punta; o corazón batía de tal xeito que semellaba esgazarme o peito, tremianme as pernas, as mans, as queixadas; tremiame todo o corpo coma se fora un xunco; tanto era o medo que tiña que xa non sabía se ir para diante o volver para atrás. Cando me ia achegando o “lobo” decatabame que somentes era un toxo; daquela metía un trote, coma se fora un cabalo; xa quedaba un chisco contento, pero vaites que acolá un pouco mais adiante apareciame outro “lobo”. Non sei se vos decatades, pero eu si…agora co paso do tempo me cago no toxo, no lobo, e na nai que os pareu..

Posted in Lembranzas dun neno | Etiquetado: , , , , | 7 Comments »